Voo 11 de American Airlines
O Voo 11 de American Airlines foi un voo doméstico de tipo comercial nos Estados Unidos, que tiña previsto voar dende o Aeroporto Internacional Logan en Boston (Massachusetts) até o Aeroporto Internacional dos Ánxeles. O avión foi secuestrado por cinco homes e deliberadamente estrelado contra a Torre Norte do World Trade Center en Nova York, como parte dos atentados do 11 de setembro de 2001. Durante os primeiros 15 minutos de voo, despois da engalaxe do avión, os secuestradores feriron polo menos tres persoas e introducíronse pola forza na cabina de voo. Mohamed Atta, que era un membro de Al Qaeda e que fora adestrado como piloto de aviación, asumiu os controis. Os controladores de tráfico aéreo déronse de conta de que o voo estaba en perigo cando o persoal de tripulación deixou de contestar as súas mensaxes. Advertiron que o voo fora secuestrado cando Atta por erro transmitiu anuncios ao control de tráfico aéreo. A bordo, dous auxiliares de voo contactaron con American Airlines e proporcionáronlle informacións referentes aos secuestradores e ás feridas dos pasaxeiros e da tripulación.